Friday 29 de March de 2024

A comunidade educativa do concello de Frades maniféstase contra o peche de aulas de infantil no CPI Ponte Carreira e a prol dun ensino de calidade no rural


Máis de medio cento de persoas concentráronse este mediodía diante do colexio, co respaldo de toda a corporación municipal

Baixo unha pancarta coa lenda “Non ao peche de aulas no CPI Ponte Carreira. Menos aulas = máis COVID” máis de medio cento de persoas se concentraron este mediodía diante das instalacións do CPI Ponte Carreira. Unha iniciativa convocada polos pais e nais afectados e pola ANPA O Fopo nun derradeiro chamamento á Consellería de Cultura, Educación e Universidades para que reconsidere a súa decisión de xuntar nunha unidade mixta o alumnado de 4º e 5º de Infantil de 18 alumnos/as pola ausencia dunha única matrícula para manter o servizo como ata o de agora.

David Mosquera, representante dos pais e nais afectados, sinala que esta concentración “é un ultimo chamamento á esperanza de que poidamos manter as aulas por separado. Somos realistas, vémolo difícil, pero esperamos que dende a Xunta se poidan dar conta da excepcionalidade que supón que por un neno lle quites un servizo ao rural”. Neste sentido, asegura que “se por un alumno se quita un docente, sito non é apoiar o rural”.

Un punto no que incidiu Belén Mato, presidenta da ANPA O Fopo, quen insistiu en que “se queremos que se teña en conta o rural, queremos servizos para o rural”. Así, explicou que “consideramos que 9 nenos dun grupo de 5 anos e outros 9 de 4 anos deberían estar separados basicamente porque no rural os alumnos que empezan non adoitan ir ás garderías nin traen uns hábitos adquiridos e pensamos que iso pode frear o camiño que xa teñen andado os de 5 anos”. Ao igual que David, Belén ve “complicado” que a situación se arranxe “se non hai unha matriculación nova. Aínda que tamén é certo que levamos algúns anos nos que ao longo do curso se despraza algunha familia e aparecen nenos novos. Pero se non solucionamos isto en setembro non hai volta atrás”.

Apoio total da corporación municipal

A concentración contou co apoio total e coa presenza dos distintos grupos políticos que compoñen a Corporación Municipal de Frades, tal e como veñen facendo tanto como Grupo de Goberno, como Pleno Municipal e nomeadamente os tres grupos políticos: PP, PSOE e BNG. Ademais, os pais e nais do CPI Ponte Carreira recibiron o respaldo do sindicato CIG-Ensino, representado hoxe en Frades polo seu secretario nacional, Suso Bermello, e polo seu secretario comarcal en Compostela, Diego Boquete. Así mesmo, a deputada autonómica socialista Belén Rodríguez Rumbo, ofreceu tamén o apoio do seu grupo á presidenta da ANPA O Fopo.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, volveu amosar o “total apoio do Concello de Frades á ANPA O Fopo do CPI de Ponte Carreira e aos pais e nais afectados por unha decisión que solicitamos que sexa reconsiderada pola Consellería. Sabemos que este ano o Goberno descartou dar novos fondos ás comunidades para contratar máis profesorado pero non estamos a pedir privilexio ningún, pensamos que é imprescindible seguir mantendo grupos de convivencia reducidos como se veu facendo durante todo este curso, para loitar contra a Covid e manter a mesma calidade no ensino que reciben os nosos nenos e nenas”.